A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue coas súas visitas a todas e cada unha das parroquias e barrios do termo municipal. Nesta ocasión o seu roteiro centrouse na parroquia de San Xoán Bautista.
Aquí, tamén son múltiples as necesidades que piden unha solución urxente: En primeiro lugar garantir a seguridade da cidadanía, que nos últimos meses é sen dúbida un problema constante e está á orde do día.
Necesítase unha actuación por parte do consistorio, para dotar de medidas de seguridade aos edificios e estruturas varias en estado ruinoso ou de abandono que existen por toda a zona. Nas rúas dá Lagoa e Valle Inclán as lastras están en mal estado en numerosos tramos. A rúa Oriente permanece esquecida no tempo, cun firme en malísimo estado e sen beirarrúas acondicionadas debidamente. Existen profundas fochancas en diferentes vías, aparcamentos públicos e fondas charcas onde se leva a cabo o mercado. O primeiro tramo da Gran Vía que enlaza coa rúa do Sol, está nun estado deplorable.
«Os pasos de peóns sen pintar debidamente, pouco aparcamento debido á continua humanización das rúas que obriga a buscar espazos privados para tal fin,q ue quedan escasos ou distantes da zona comercial. A rúa Ecuador sen beirarrúas para un tránsito normal de persoas,maleza sen limpar adecuadamente, herba que sobresae en lastras e acaba coas pequenas plantas, o parque infantil do xardín que nin sequera se empezou despois de ser anunciado en febreiro e en agosto. Un carril bici na rúa Vázquez de Parga que quitou fluidez ao tráfico, prazas de aparcamento, de carga e descarga ou esquinas que fan imposible virar adecuadamente. Unha obra que tería algún sentido se houbese alternativas ao tráfico rodado como a tan anunciada circunvalación, que a pesar dos continuos «golpes de peito» cheos de demagoxia barata, todo parece indicar que aínda queda moito para que sexa unha realidade», sinala Xesús Deus Gende, voceira da formación municipalista.
O plan de inundacións outro tanto do mesmo, continuas mensaxes propagandísticas para os comicios municipais que pouco teñen que ver coa súa execución a curto prazo (terreos sen expropiar, edificios sen derrubar…). A todo isto únese o proxecto dedicado ás entidades sociais, que apenas avanza, aínda que de cando en vez os mandatarios municipais dan a entender que todo vai estupendamente, está claro que a paso de boi, porque aínda deben de estar en época de profundo pensamento urbanístico.
«Outra vez podemos observar a mala xestión dun concello cuxo obxectivo primordial é quentar a cadeira, esperar polas súas altas nóminas mensuais, lucirse en actos públicos e permanecer nunha continua burocracia, co beneplácito dunha oposición inexistente, que tan só presenta mocións precociñadas de ámbito autonómico ou nacional, pero esquécense do municipalismo, polo que se deduce que pouco interese suscítalles. Aparicións en medios de comunicación con continuas mensaxes pouco realistas onde predominan as palabras proxecto, protocolo, luz verde, compromiso ou similares, que veñen dicir que se está niso pero por desgraza a longo prazo, ou actuacións que non teñen unha data concreta, e máis vendo a falta de empresas que se presentan para a realización de traballos varios. Algo se temos que recoñecerlles, o teatro é o seu forte tanto sexa de comedia, de ficción, de engano ou de entretemento para desviar a atención da cidadanía. Como tamén son moi partidarios «dá foliada» existen pequenas canciónes cuxos títulos definen moi ben á actual elite: Imos dicir mentiras tralará , ou o anel pa cando», conclúe Xesús Deus Gende.