O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús DeusGende, desprazouse ata a rúa Vila de Laxe para coñecer de primeira man as queixas dos veciños. Os habitantes da devandita zona mostran o seu malestar ante varias actuacións levadas a cabo polo consistorio e que, segundo afirman, para nada son do seu agrado.
Un mobiliario que no seu día foi anunciado como novo, din que non o é, senón todo o contrario. Consideran igualmente os veciños e veciñas que non se actuou de maneira correcta nos chans, pois cando chove fórmanse grandes charcos. Tamén se queixan das camelias que imposibilitan un normal paso a certas propiedades e que quitan visibilidade.
Foi o pasado 8 de outubro cando a cidadanía protestou a través dos medios de comunicación por última vez, ata a data, agardando unha actuación que non chega a pesar das declaracións do responsable de obras, que manifestou que nunha semana estaría arranxado o solicitado en reiteradas ocasións. Un mes despois nada se sabe respecto diso, e o único que recibe a veciñanza ao preguntar son supostas malas contestacións con certa dose de arrogancia e prepotencia por parte dos mandatarios municipais, afirman desde a formación municipalista.
A última queixa refírese á necesidade de colocación de randeeiras adaptadas e coas medidas de seguridade adecuadas para nenos e nenas de pouca idade no recentemente reformado parque do Chorís. «Desde Xuntos Carballo M+J apoiamos as reivindicacións veciñais das cales nos facemos partícipes e pedimos ao concello que se deixe de «marear a perdiz» e atenda de maneira urxente as deficiencias existentes na zona», sinala Xesús DeusGende.