A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue percorrendo as distintas parroquias carballesas. Nesta ocasión varios integrantes da agrupación recolleron diferentes queixas en Noicela e Rebordelos. Acompañados por veciños da zona puideron comprobar as definiencias en varios lugares destas parroquias.
En Imende e O Rapadoiro son numerosas as reivindicacións: Pistas nun estado lamentable, escasa iluminación pública, cunetas profundas sen protección nin sinalización, grandes superficies de maleza, problemas coa rede de sumidoiros, grava miúda solta que causa constantes problemas, pista deportiva con necesidades urxentes de mellora, cadros eléctricos á intemperie co consecuente perigo que pode supoñer, unha estrada de acceso a Baldaio que non ten trazas de acondicionamento a curto prazo, ou a necesidade da creación dun parque infantil.
Cuestións moi graves enchen cada catro anos infinidade de programas electorais, pero levan décadas sen resolverse, o aparcamento xunto á igrexa de Noicela ou as verteduras da rede de sumidoiros de lugares como Casadelas directamente ao río, son algunhas delas.
En Rebordelos de igual forma necesítanse melloras moi similares ás expostas anteriormente e poñendo especial énfase na reparación do firme que une Noicela, Rebordelos, Lema e Razo.
«Agradecemos aos veciños e veciñas todas as reivindicacións que nos fixeron chegar e que puidemos constatar insitu. A situación de abandono é unha constante que por desgraza maniféstase en cada unha das parroquias que visitamos. Pola nosa banda seguiremos sendo esa voz que se alce cada vez que alguén queira transladar as súas necesidades, sinalaba o portavoz da formación, Xesús Deus Gende.