O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús Deus Gende, acompañado polo responsable de zona Juan Carlos Rey Pensado, fixeron unha visita á parroquia de Rus para atender varias queixas veciñais chegadas recentemente, ás que se unen as transmitidas con anterioridade e que «seguen sen ser atendidas».
Son varios os firmes que necesitan melloras: en O Val , na estrada entre A Canosa e Ramil á altura da pequena ponte, ou a vía que leva a Calvos son numerosos as profundas fochancas, ao que se une un bo número de pedras soltas no asfalto. Na recta de Rus permanece unha árbore encima do tendido eléctrico sen que ninguén proceda á súa retirada e coa choiva e o vento dos últimos días pode causar danos importantes se non se actúa con brevidade.
A tapa do lavadoiro do Val non permite usar o espazo correctamente, pois ao non poder levantarse, acumula residuos, follas e barro. No lugar de Calvos hai indignación entre algúns veciños por non acabar debidamente un camiño que une este lugar con San Sadurdiño. Segundo a súa versión non foron debidamente informados de tales traballos e descoñecen porqué motivo se deixou un anaco sen arranxar.
«Puidemos observar de novo os múltiples problemas que existen nesta parroquia e que non teñen resposta algunha por parte duns gobernantes cuxa principal actividade nesta época do ano é estar quentiños nas dependencias municipais. Cremos que a atención á cidadanía debe de ser constante e as deficiencias solucionadas coa maior rapidez posible, claro que o actual goberno municipal segue facendo oídos xordos,» sinala Xesús Deus Gende.