Xuntos Carballo M+J avanza no perfil do seu proxecto

Sede de Xuntos Carballo M+J.

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto volveu a reunirse novamente para seguir avanzando para os próximos comicios municipais. “Para nós é fundamental ter un contacto permanente entre os/as que formamos parte deste ilusionante proxecto. Aquí ninguén é máis nin menos, porque uns sen os outros non alcanzariamos o noso obxectivo, que non é outro que o de loitar unidos por facer da nosa localidade un referente en canto a dereitos sociais, ambientais, culturais, de transparencia e de atención pública. Traballamos polo ben común e por tanto os circos mediáticos montados para realzar o egocentrismo, con toques de prepotencia típico de líderes e lideresas en época electoral, unido ao aparato non entra na nosa forma de ver a política, porque o que se fai é administrar o diñeiro de todos/as, e vendo como se inviste non nos parece que a xestión sexa boa precisamente, así que colgarse medallas cando se traballa cos fondos públicos é tan só demagoxia. Por suposto que daremos a coñecer o noso programa, lema, música, lista definitiva e foto de campaña publicamente ao seu debido tempo, pero sempre con humildade, sinxeleza e afastados de individualismos; é por iso que a nosa formación ten un representante en cada unha das parroquias e barrios en contacto diario coa cidadanía, o que nos permite ser a súa voz en numerosas ocasións. Aplicamos o dito de que se vas só poida que chegues máis pronto, pero se vas en equipo chegarás máis lonxe. Empatizamos, escoitamos, dialogamos e actuamos», sinala o voceiro e candidato da formación en Carballo, Xesús Deus Gende.