Xuntos Carballo M+J chequea as deficiencias nos barrios da Cristina e das Flores

Cedida.

A formación municipalista carballesa segue visitando os diferentes barrios e parroquias. Nesta ocasión o secretario xeral Xesús DeusGende, a responsable de zona María Jesús Seoane Vázquez e outros/as membros da agrupación, percorreron as rúas destes dous barrios carballeses, parándose a falar coa cidadanía, recollendo novamente numerosas queixas e reivindicacións.

Moitas das demandas veciñais refírense á abundante maleza que incumpre a normativa vixente. Casos significativos están entre outras nas rúas Piñeiro, Tomiño, Av.Cristina, Camelias, Begonias, Gardenias… onde os habitantes da zona observan roedores ou réptiles de gran tamaño, polo que consideran necesario que se actúe para eliminar estes espazos.

Na rúa Violetas seguen agardando a que se habilite un espazo seguro para camiñar polas marxes da estrada. Na rúa do Pan existen varias deficiencias: unha zona sen a correspondente aceira terminada, aparcamentos públicos co firme en moi mal estado (algún deles de recente creación), un antigo lavadoiro sen ningún tipo de sinalización de perigo, co risco que existe de que caian anacos e poida por tanto danar a alguén se entra no mesmo; igualmente serve como contedor de cartóns, pois existe un bo número destes residuos no lugar.

Na rúa Xasmíns seguen agardando pola instalación de canalizacións de auga e a retirada das de fibrocemento que fornecen do líquido elemento ás vivendas desde hai moitos anos, pola limpeza dunha chea de grava miúda en plena vía, un arranxo no paso de peóns cheo de fochancas e sen pintar, así como polas beirarrúas que faltan (para todo iso recolléronse no seu día un bo número de firmas, que posteriormente foron entregadas no Concello).

Na Av.Cristina piden a colocación dun paso de peóns entre os números 52 e 75, dado que hai persoas na zona con mobilidade reducida que non teñen un sitio seguro por onde cruzar, con medidas de seguridade, como bandas rugosas e a correspondente sinalización. Nesta mesma zona, solicitan que se dote de protección dalgún tipo un lugar por onde baixa a auga, que é bastante fondo e que pode causar danos persoais ou en vehículos.

Na Pensamentos o paso de peóns coñeceu tempos mellores. No Parque do Anllóns, á beira da fonte, comentan a necesidade de tapar un buraco no chan, que aínda que foi comunicado aos responsables en varias ocasións segue na mesma situación desde hai meses. Tamén chama a atención a falta de mantemento do tellado da estación, que está cheo de herbas, ou como non se terminou o novo asfaltado á beira do Pazo da Cultura.

Na Av.dás Flores, á altura do número 100, botan de menos os contedores de lixo que alí estaban situados, dada a distancia para percorrer ata a súa nova localización para veciños/as de avanzada idade. Igualmente piden a eliminación de maleza nun solar. «Novamente puidemos comprobar as múltiples necesidades que existen a poucos metros do centro. Zonas esquecidas en pleno centro urbano, que dan unha imaxe indigna para unha vila como a nosa. Dar de novo as grazas polo bo trato recibido, por parte da cidadanía», sinala Xesús Deus Gende.