Xuntos Carballo M+J faise eco de varias queixas veciñais no centro urbano

1 minutes read

O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús Deus Gende, acompañado do responsable de seguridade, tráfico e mobilidade, Perfecto Méndez Lema, atenderon varias queixas veciñais do centro urbano carballés, concretamente nas inmediacións da rúa Luís Calvo.

Entre esta rúa e a rúa Barcelona existe un forte desnivel que incomoda aos condutores, polo seu tamaño e profundidade. Un pouco máis adiante á altura do paso de peóns que dá acceso ao Pazo da Cultura, unha fonda fochanca pode causar graves danos nos vehículos. O aparcamento da rúa Nébedas segue nun estado lamentable en moitas zonas. Por outra banda os nenos que xogan na praza da Cruz Vermella, corren o risco de sufrir algún dano, pois a fonte que non está en funcionamento, non ten ningún tipo de medida de protección. Para finalizar aumenta de maneira exponencial a indignación pola falta de funcionamento dos semáforos, que xa levan moitos meses en estado de abandono.

Xesús Deus, afirma que, «mentres segue a habitual demagoxia por parte dos actuais gobernantes, a cidadanía espera a que se tomen medidas que erradiquen os ‘pequenos grandes problemas’ que existen. Se se achega o pago do correspondente recibo de circulación, enténdese que ese diñeiro debería de destinarse a evitar na medida do posible danos nos vehículos, acondicionando debidamente os firmes, así como garantir a seguridade de automóbiles e persoas co correcto funcionamento dos dispositivos concibidos para tal fin», conclúe.