Este martes día 28 de marzo ás doce da mañá a formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, iniciou oficialmente a súa precampaña coa presenza do voceiro xeral e o responsable de expansión territorial do partido Por Un Mundo Máis Xusto, chegados desde Madrid e Bilbao respectivamente.
Xesús Deus Gende, candidato á alcaldía de M+J, explica: «Como prometemos no seu día chegou a hora de ir dando a coñecer a nosa foto de campaña, a cal representa unidade e fraternidade do noso equipo de goberno ante o reto que temos por diante. O noso lema fai mención á necesidade dun cambio que chegará desde Xuntos Carballo M+J: O CAMBIO FACÉMOLO XUNTOS. A música que se escoitará nos nosos actos, chea de forza, chega desde Cangas, previa autorización o 16 de febreiro da banda de Rock ASTAROT, a quen agradezo profundamente a súa colaboración connosco de maneira totalmente desinteresada pola súa parte. A canción elixida é a baseada no poema de Rosalía de Castro «Adiós ríos, adios fontes». Aproveitamos para felicitar a ASTAROT no seu 40 aniversario facendo excelente música en Galego», matizou.
Gende comunicou diante dos presentes: «Queda pendente dar a coñecer o noso programa político, cousa que faremos máis adiante no correspondente mitin. Sen dúbida non deixará indiferente a ninguén, posto que é todo aquello que a cidadanía tan amablemente nos transmitíu en todas e cada unha das parroquias e barrios que conforman o noso concello. Hoxe, como se di coloquialmente, empezamos a engraxar a nosa maquinaria electoral. Co inestimable apoio dun partido que nos brinda todo o necesario, non dubidamos en que a nosa formación municipalista chegará todo o máis alto, sempre mantendo a humildade, proximidade e sinxeleza que nos caracteriza, afastados sempre de soberbia, prepotencia ou egocentrismo. Traballamos por un Carballo máis xusto. Coa vosa axuda podemos facelo. «O CAMBIO FACÉMOLO XUNTOS,»concluíu.