Xuntos Carballo M+J percorre barrios e parroquias en apoio ás demandas veciñais

1 minutes read

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis xusto, estivo presente durante varios meses recollendo inquietudes, reivindicacións e en proceso de escoita en feiras dominicais, o que «sen dúbida foi moi proveitoso para o seu programa político, así como para ir dando a coñecer aos candidatos/as, que formarán parte da lista electoral que a formación presentará nas próximas eleccións municipais».

O comezo do proceso de visita aos diferentes barrios iniciouse polo do San Cristobo, zona do Colexio Bergantiños, e estrada de Malpica , onde o secretario xeral Xesús DeusGende, o de organización José Luis Bardanca e o responsable de zona Marcos Bardanca Mato, percorreron as diferentes rúas, o pequeno comercio e paráronse a charlar con veciños/as.

Recolleron bastantes queixas, como o mantemento das árbores (algunhas xa secas) e pibotes rotos na estrada de Razo, o arranxo do firme nas rúas Otero Pedraio ou Antón Fraguas. En Eduardo Pondal o tapado de fondas fochancas na calzada e a presenza de grandes roedores no parque, maleza na zona de edificios de Riotorto e bancos en estado de abandono, falta de iluminación pública na rúa Acevo…

«Foi sen dúbida unha mañá moi proveitosa, onde puidemos constatar as moitas necesidades da zona, que deixan ver o pouco investimento realizado, a poucos metros do centro. Non hai nada como percorrer as rúas, falar e coñecer as necesidades do día a día dos veciños/as. A seguinte semana visitaremos unha parroquia e iremos alternando coa zona urbana, porque entendemos que todos/as os habitantes independentemente de onde vivan, teñen que ter os mesmos dereitos, servizos e atención», sinala o portavoz da formación, Xesús DeusGende.