Xuntos Carballo M+J pide medidas urxentes en materia de seguridade policial

Xuntos Carballo_Cedida.

O pasado mes de febreiro, concretamente o día seis, a formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, poñía de manifesto a través dun comunicado a necesidade de tomar medidas referentes á seguridade, dado xa entón o aumento de actos delituosos de distinta índole. Para iso propoñíase desde a formación un maior control das rúas, mediante o aumento de patrullas nocturnas e a dotación de máis persoal para atender a quenda policial de noite, pois é aí onde radica o principal problema da inseguridade, roubos e actos delituosos.

«A seguridade das persoas e bens debe de ser unha das principais prioridades do Goberno local, cousa que visto o acontecido nas últimas datas fai dubidar que así sexa, unha vez máis vemos como o nome de Carballo asóciase á delincuencia, algo que para nada nos gusta escoitar», afirman desde a formación municipalista.

A colaboración dos distintos corpos de seguridade presentes na localidade faise máis necesaria que nunca, para que entre todos poidan levar a cabo aquilo para o que están encomendados. O principal obxectivo debe centrarse en loitar contra a delincuencia, e non só en poñer multas de estacionamento ou de velocidade, que aínda que ás veces sexan necesarias tales sancións, impiden a certo persoal atender outro tipo de cuestións máis urxentes.

«O mando político debe reunir a Xunta Local de Seguridade e ordenar ao mando policial variar urxentemente a liña de actuación baseada en sancionar na hora, co radar ou machucar a empresas concretas á saída dos seus clientes ou traballadores e, reiteramos, priorizar en máis efectivos nas quendas de noite para atallar a actuación da delincuencia, algo que se lles foi das mans. Ademais débese solicitar o reforzo da Policía Nacional para labores de seguridade, non só para trámites administrativos, e baixo o noso punto de vista os efectivos da Garda Civil tampouco son suficientes».

Outro perigo paralelo supono a falta de funcionamento dos semáforos, que levan no centro semanas avariados, sumándolle tamén o da avenida de Bértoa ou esta fin de semana o que está fronte á propia igrexa de Bértoa. Máis tendo en conta a persoas maiores e colectivos con falta de visión que se enfrontan cada día para cruzar polos diferentes pasos de peóns que levan semanas avariados.

Ante todo isto desde Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto entenden que deben de tomarse medidas urxentes para garantir que bens e persoas sentan protexidos, mediante un plan rigoroso de actuación policial de control e vixilancia por parte das diferentes forzas da orde.