- As augas que se desprenden do interior do edificio, sobre residuos altamente tóxicos como a uralita, acaban a poucos metros no río Anllóns.
O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto Xesús Deus Gende, acompañado do responsable dunha das áreas da formación Víctor Manuel Fraga Arantón, desprazáronse ata A Revolta, despois de recibir varias queixas sobre o edificio da antiga discoteca. Os habitantes da devandita zona transmitiron a súa indignación ante a falta de medidas de seguridade que existen.
«Pódese observar como calquera pode acceder ao recinto sen ningún tipo de impedimento. Roedores e lixo campan ás súas anchas. Igualmente, parece ser que a xente nova acode ao lugar co perigo que iso conleva, dado o malísimo estado que presenta a estrutura. Este recinto converteuse nunha entulleira incontrolada (rodas, uralitas, defensas de coches, colchóns, electrodomésticos…) sendo moitos dos residuos altamente tóxicos para o medio ambiente».
«Outro espazo máis que se suma á lista de vertedoiros sen control. Necesitamos urxentemente que se tomen medidas para acabar con este perigoso foco de contaminación. A imaxe que dá este antigo edificio nunha das principais entradas á vila é nefasta. Non entendemos como ata o momento ninguén fixese nada pola erradicación do problema».
Desde Xuntos Carballo M+J afirman que «o concello das rotondas está a converterse no das entulleiras incontroladas de lixo. Pedímoslle que realice as xestións pertinentes o máis rapidamente posible, para retirar os residuos altamente contaminantes que se atopan dispersos, así como garantir que ninguén poida acceder ao recinto, mediante as debidas medidas de seguridade. Así mesmo fai falta un maior control no referente ao medio ambiente, pois actualmente é ineficiente», sinala Xesús Deus Gende.