Xuntos Carballo M+J pide un maior control sobre as talas de madeira

1 minutes read

Afirman que nos últimos días están a chegar numerosas queixas á formación municipalista, sobre o estado no que quedan moitos camiños e pistas coas talas e posterior transporte da madeira. O 2 de Marzo de 2021 o secretario xeral Xesús Deus Gende, presentaba un escrito a través do rexistro do Concello de Carballo onde se poñía de manifesto a necesidade dun maior control sobre esta actividade.

O goberno municipal apresurouse a publicar, unha vez revisada a reclamación presentada, un «compromiso» de actuación sobre o devandito tema, vendéndoo iso si, como iniciativa propia, cousa que non era certa, senón que estaba baseado no escrito presentado, afirma Gende.

A normativa é clara: As talas de madeira deben de ser notificadas con quince días de antelación, depositarase unha fianza de 3.000 euros, antes e despois dos devanditos traballos funcionarios municipais realizarán inspección á zona onde se desenvolva a actividade, para ver o estado dos diferentes firmes onde teñan lugar estes traballos. Se existen danos a empresa será a encargada da súa reparación. De non ser así, será requisada a fianza e reclamarase polos medios que estableza a lei, a recuperación do custo dos arranxos que se leven a cabo por parte do Concello. Así mesmo limparase cada día o barro ou ramas que queden na calzada.

«Vemos como unha e outra vez os gobernantes actuais sáltanse a normativa vixente. Case dous anos despois da presentación do escrito seguimos vendo como seguen as infraccións. O que no seu día foi outra dose de demagoxia persiste no tempo. Unha maioría absoluta dun goberno autoritario que non ve, non escoita e o máis triste non actúa», sinala Xesús Deus Gende.