Xuntos Carballo M+J pide unha solución urxente para acabar cos danos do xabaril en Lema


O secretario xeral da formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús Deus Gende, desprazouse ata a parroquia de Lema, onde os seus habitantes senten unha tremenda impotencia e consternación ante os danos que nos últimos días causaron os xabarís en distintas leiras da súa propiedade.

Na maioría dos casos son cultivos que teñen como destino o mercado municipal dos xoves e dos domingos de feira en Carballo. Produtos ecolóxicos que chegan aos fogares da vila e alivian en certa maneira a economía das familias que traballan e sementan diferentes produtos. Foron moitas as ocasións en que os/as damnificados se puxeron en contacto con distintas administracións, pero como sempre «uns por outros e a casa sen varrer». Un grave problema que afecta directamente a un sector agrícola cada vez máis mermado, o que supón o abandono de leiras da zona rural, máis maleza e un maior risco de incendios, sinalan desde a formación municipalista.

«Desde Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto entendemos que deben de buscarse solucións para acabar con esta problemática e abonar as colleitas danadas o máis rapidamente posible, por iso pedimos aos gobernos tanto municipal como autonómico, que fagan o posible para solucionar o problema, por exemplo axudas directas a fondo perdido para mitigar as perdas ou para electrificar as leiras», conclúe Xesús Deus Gende.

Colleita danada polo xabaril en Lema.