Xuntos Carballo M+J rexistra unha recollida de firmas para o arranxo de varias rúas

1 minutes read
  • As demandas fan referencia a José Castro Chané, Gustavo Freire, a pista que enlaza A Raíña con Figueroa (parroquia de Sísamo) e a mellora do alumeado en Enrique X. Macías

O secretario local e voceiro da formación Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende, presentou tres escritos no Concello para o arranxo das rúas José Castro Chané e Gustavo Freire, a pista que enlaza A Raíña con Figueroa (parroquia de Sísamo) e a mellora do alumeado en Enrique X. Macías. A petición fíxose de forma individualizada, e cos avais para cada unha delas, co obxectivo de que os responsables municipais «non teñan dúbidas sobre as diferentes peticións porque cando se poñen conxuntamente parece que non se aclaran ou non se queren aclarar».

Desde a formación aseguran que non é a primeira vez que se solicitan estas melloras, sen obter ningunha resposta por parte do goberno local. «Se a única maneira de que a veciñanza sexa escoitada é presentando sinaturas, dende Xuntos Carballo M+J seguiremos acudindo alí onde a cidadanía nos precise e con gusto presentaremos os escritos reivindicativos que fagan falta para acadar os obxectivos das queixas», sinala Deus Gende.