Xuntos Carballo M+J prosegue o seu percorrido polas diferentes parroquias visitando Artes


Membros da formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, veñen de facer un percorrido pola parroquia de Artes, continuando así coas diferentes visitas que están a realizar a todo o territorio carballés. Nesta ocasión puideron comprobar as diferentes demandas veciñais que lles chegaron no seu día e dar fe das mesmas.

A vecinanza leva tempo reclamando que se dote de máis anchura á estrada xeral que transcorre pola parroquia, instando as autoridades locais a que fagan as xestións oportunas para levar a cabo a petición veciñal. As sinalizacións verticais informativas están deterioradas ou inexistentes en numerosos lugares. Existen gabias profundas que deberían de dotarse con algún tipo de protección e sinalización. Pistas como no lugar da Tilleira con falta de reparación do firme. A todo isto únese a maleza en leiras próximas a casas que non cumpren coa normativa vixente. Cunetas con falta de limpeza ou un antigo hórreo que ameaza con vir abaixo moi preto do Pazo de Vilar de Francos, constitúen sen dúbida un perigo polo que deberían de tomarse medidas urxentes para evitar males maiores. Fibra óptica que non chega e escasa cobertura móbil completan as queixas máis relevantes.

«Novamente puidemos apreciar necesidades no rural carballés, abandonado á súa sorte por uns gobernantes centrados en quentar a cadeira, cobrar unha boa retribución, utilizar o engano ou desviar a atención da cidadanía en actos propagandísticos a través das diferentes canles de comunicación cos que conta o equipo de goberno, utilizándoos no seu propio beneficio. Non deixamos pasar a ocasión de informar de que as plantas que se repartiron o xoves pasado no mercado, e cuxos destinatarios/as en teoría eran as persoas que estaban apuntadas ao «plan de compostaxe » son pagadas con diñeiro público de todos/as. Podemos dar fe de que houbo quen levou unhas cantas no lugar dunha e así mesmo como algunha representante municipal pasou polo furgón sen pasar pola carpa para acreditar que cumpría cos requisitos esixidos. Caciquismo do século XXI da clase burguesa actualmente gobernante e os seus socios, disfrazada de defensores da cidadanía que nada ten que ver coa realidade», sinala o portavoz da formación Xesús Deus Gende.