Xuntos Carballo M+J recolle a indignación dun veciño de Rus por danos no seu vehículo

1 minutes read

O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto Xesús Deus Gende, recolleu a queixa dun veciño da parroquia de Rus moi indignado polo escaso control que as autoridades municipais exercen sobre as talas de madeira. «Foron varias as ocasións en que a formación municipalista instou o goberno local a cumprir e facer cumprir a normativa vixente, facendo oídos xordos como vén sendo habitual».

A reivindicación da persoa en cuestión, realízase ante o descoñecemento de onde acudir despois de sufrir danos importantes no seu vehículo. As normas son claras: Antes e despois da tala de madeira os efectivos municipais farán unha comprobación do estado en que se atope o camiño, pista ou estrada onde se leven a cabo os traballos, verificando que ao finalizar os labores levados a cabo os firmes queden no mesmo estado que antes de empezar, e limparase toda clase de residuos existentes cada día.

O damnificado entou polo camiño que une Quintáns cos montes do Ceilán, confiado en que o firme estaría en bo estado e atopouse de súpeto con profundas fochas que non lle deu tempo a esquivar. Así mesmo tivo que acudir un vehículo agrícola para sacalo.

«Desde Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto solicitamos novamente que o concello extreme a vixilancia sobre este tipo de actividades, ao fin de evitar danos como nesta ocasión ou outras similares que poidan producirse. Igualmente suxeriuse ao afectado a presentar denuncia ante a Policía Local, achegando os correspondentes documentos gráficos e testemuños se así o consideren as autoridades», sinalou Xesús Deus Gende.