Xuntos Carballo M+J recolle diversas queixas referentes ao uso dos campos de fútbol municipais


Recentemente trasladáronse á formación municipalista ‘Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto’ queixas en referencia ao uso dos campos de As Eiroas e de O Carral. Concretamente unha entidade de carácter deportivo destaca a dificultade que atopa para poder levar a cabo os seus adestramentos, afirman. Certo é, que son un bo número de equipos de diferentes categorías os que usan os dous recintos, e pode ser que ás veces se faga complicado asignar un horario de uso das instalacións. Se lle sumamos, que segundo trasladan, os equipos máis significativos ou de categorías superiores teñen suposta “preferencia”, aínda se complica máis o cadrar horarios compatibles, que permitan o adestramento a todos os equipos ou entidades deportivas. “Desde Xuntos Carballo M+J entendemos que debe de facerse todo o posible para que todos poidan utilizar as instalacións públicas municipais, que son propiedade do conxunto da cidadanía, sen ningún tipo de privilexio ou trato de favor”, señala Xesús Deus Gende, portavoz da formación.