Xuntos Carballo M+J recolle novas queixas referentes á ‘mala xestión’ da canceira municipal


Desde a formación municipalista afirman que recentemente un cidadán púxose en contacto con eles para transmitir a súa indignación ante o que cualificou como actitude “denigrante” cos animais que alí se atopan. O caso deuse despois de que dous mastíns con chip fosen recollidos polos operarios que prestan servizo no complexo, dado que o seu actual dono non pode facerse cargo deles, por motivos de causa maior.

Cando se identificou a persoas vinculadas cos cans estes acudiron para retiralos; o que alí supostamente se atoparon roza o inadmisible. Cubículos minúsculos, varios animais no mesmo espazo, excrementos sen limpar… Cando o operario alí presente foi preguntado (segundo a versión do denunciante) contestoulles que se atendía dúas veces por semana. Ao escoitar tal afirmación a indignación das persoas creceu e foi aí onde decidiron dar a coñecer o caso.

“Asistimos novamente a críticas relacionadas co benestar animal no noso concello. O dato que achegaron no seu día os responsables municipais sobre o que se gastaba nesta área e que ascendía segundo eles (tan só na canceira) a 120.000 euros pareceunos e séguenos parecendo unha esaxeración e un dato que poñemos en dúbida que sexa real, e máis se cabe despois de ter reunións coas protectoras da zona, que se ven desbordadas. Necesitamos que se tomen medidas urxentes para garantir que os animais sexan tratados de forma correcta tanto en alimentación como en limpeza”, sinala o portavoz da formación, Xesús Deus Gende.