Xesús Deus Gende, secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Perfecto Méndez Lema responsable de seguridade, tráfico e mobilidade e Fabián Aldao Sánchez, encargado da zona costeira, recolleron o que definen de «indignación dos veciños de Lema», afirman que estes consideran un prezo excesivo as conexións de auga e rede de sumidoiros que nalgúns casos sobrepasan amplamente os mil euros. Os habitantes da zona mostran o seu malestar porque non entenden como se abriu a vía por primeira vez e non sedeixaron os correspondentes enganches.
«En datas recentes anunciouse o suposto investimento público previsto e é difícil de asimilar que se apliquen esta clase de prezos, se en moitos casos non hai nin dous metros ata as casas. Así mesmo entenden que coas actuacións vindeiras, o do asfaltado prometido e publicitado vai ter que esperar».
Doutra banda na parroquia de Noicela transmiten a necesidade de poñer máis sinalización na estrada dirección Caión, dado que a xente que leva aos máis pequenos ao «parque do Rapadoiro» xóganse a súa integridade física debido á alta velocidade á que pasan os vehículos, sen unha zona segura de tránsito peonil (aínda sendo competencia doutra administración, deberían de facerse as xestións pertinentes). O aparcamento onda a Igrexa, así como os accesos moi perigosos na confluencia das estradas da Igrexa coa praia de Baldaio, nomeadamente no lugar de Casadelas, tamén forman parte da materia pendente do Goberno local desde hai moitos anos.
En Verdillo os veciños/as quéixanse da falta de acondicionamento das beirarrúas no lugar do Moucho. Para atallar ou esquivar retencións moitos condutores utilizan este trazado e os peóns corren serio perigo ao camiñar pola vía pública.
«Seguimos asistindo ao deixamento dun goberno municipal que non atende aos requirimentos da cidadanía, en múltiples parroquias e barrios. Solicitamos que se actúe de maneira inmediata para solucionar os problemas expostos», sinala Xesús Deus Gende.