Varios membros da formación municipalista desprazáronse ata a parroquia de Noicela e distintos barrios para recoller unha nova serie de demandas veciñais. Acompañados polo responsable da zona costeira Noicela-Lema-Rebordelos, Fabián Aldao Sánchez, Xesús Deus Gende, José Luis Bardanca e Sergio Gundín Vilanova, puideron constatar a necesidade de melloras en varios lugares.
Nesta ocasión a cidadanía pide que se solucione o continuo desborde da fonte situada en Imende, para que a auga non invada o firme, pois xa existen moitas zonas de verdín que causan continuos resbalóns. Reclaman tamén que con brevidade se ctúe para solucionar o que xa é un potencial perigo na vía que une Imende coa estrada xeral nunha curva con pouca visibilidade, onde hai meses se producía un desprendemento. Engádese ao problema, que certas árbores cuxas raíces sufriron o azoute dos temporais, ameazan con virse abaixo, danando o tendido eléctrico ou a súa caída á estrada causando por tanto posibles danos de distinta índole.
Na zona urbana, os veciños piden que se reparen as lastras da rúa Moncho Valcarce, que deron e seguen dando máis dun susto dado o seu mal estado. Na Vila de Negreira reclámase que se arranxe unha tapa dun sumidoiro que está rota e así mesmo un maior control para evitar o aparcamento de vehículos á altura do número117, que causan problemas á hora de transitar con seguridade aos peóns que se ven obrigados a invadir a vía pública.
«A actual situación que se vive no Concello aseméllase, en certo xeito ao popular cómic de Pepe Gotera e Otilio chapuzas a domicilio. Semáforos que están continuamente avariados, profundas fochancas sen tapar, rotondas e máis rotondas, continua desaparición de prazas de aparcamento, parroquias esquecidas….Igual que se fose tarxeta de crédito sen saldo, a credibilidade deste goberno cada vez é menor. Esperemos polo ben da nosa vila que acabe canto antes este longo período de falsas promesas e ficción aos que nos teñen afeitos», sinala Xesús Deus Gende.