O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto Xesús Deus Gende e o responsable de seguridade, tráfico e mobilidade Perfecto Méndez Lema, desprazáronse a diferentes lugares da xeografía municipal para recoller varias reclamación veciñais.
A primeira sitúana na recta de Rus, alí segue encima do tendido eléctrico unha árbore desde hai máis dun mes sen que ninguén proceda á súa retirada, «algo inaudito tendo en conta o perigo que supón». Na parroquia de Goiáns, na pista que transcorre paralela á vía rápida, permanece un tramo da liña telefónica a rás de chan, o que imposibilita que os donos das leiras realicen os labores agrícolas. Na Brea o valo do campo de xogos segue sen ser reparado. Neste mesmo lugar as xanelas do centro social non pechan adecuadamente, o que causa malestar entre os veciños/as á hora de realizar actividades, pois o intenso frío é unha constante no interior do local.

Así mesmo os membros da agrupación, recolleron a indignación dos habitantes próximos á Praza da Cruz Vermella, que «ven como a fonte está sucia e sen ningún ningún tipo de protección», polo que sería necesario valala para evitar danos ou perigos varios ata a súa posta en funcionamento. A todo isto únese a demanda veciñal que chega desde o parque de Eduardo Pondal (que aínda espera pola tan anunciada reforma integral) onde piden que se recoloquen os maceteiros de aceiro, afastándoos dos locais de hostalería, pois os máis pequenos que xogan no devandito lugar, padeceron en máis dunha ocasión algún contratempo. Para finalizar, as laxas de pedra do chan situadas no inicio da rúa da Igrexa «seguen nun estado lamentable».
«Sabemos de certo, que para o actual goberno municipal a cultura é un dos seus principais obxectivos (e están en todo o seu dereito), pois o expresaron publicamente en diferentes ocasións; podemos velos cada día con imaxes como o cartel do porco salvaxe do Entroido, ou os espadachins regueifeiros. Din igualmente que levan Carballo dentro e non o poñemos en dúbida, sobre todo nos seus petos. Dito isto, o que nos parece indignante é que non se actúe para solucionar os problemas cotiáns da cidadanía. Desde Xuntos Carballo M+J pedimos unha actuación urxente para dar solución ás queixas expostas», sinala Xesús Deus Gende.