Nos últimos días a formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, recibiu numerosas mensaxes a través das distintas canles de comunicación cos que conta, sobre a necesidade da creación dun parque público inclusivo que permita acudir a un lugar de lecer adaptado aos nenos/as ou outro tipo de persoas con diferentes tipos de minusvalía.
Hai meses que unha nai manifestou publicamente que tiña que desprazarse ata un concello limítrofe, para que o seu fillo puidese gozar dun servizo que sen dúbida debería de ter unha localidade como Carballo. Comentouse que algún área recreativa contaba cunha randeeira adaptada e poida que así sexa, pero nese momento supostamente non cumpría a normativa.
Xesús Deus Gende, voceiro da formación, afirma que «Os sucesivos anuncios das melloras íntegrales de varios parques valorados en miles de euros aínda esperan a que os actuais mandatarios municipais cumpran coa súa palabra. A única ocorrencia foi a chapuza levada a cabo na milagrosa tapando o estanque con entullos e terra, algo que non se entende dado que era o que lle daba un toque de distinción».
«Todo o que sexa dotar de zonas verdes á localidade parécenos acertado ,como o recentemente inaugurado xardín dedicado a unha grande da poesía e do rexurdir da nosa lingua, como foi Rosalía de Castro. O que non entendemos é como se malgasta o diñeiro público en actuacións varias, mentres persoas con discapacidade permanecen no esquecemento, sen poder gozar dun lugar adecuado e acondicionado ao que sen dúbida teñen dereito. Unha das prioridades, se a veciñanza deposita en nós a súa confianza nas próximas eleccións municipais, será sen dúbida a creación dunha zona específica como a descrita anteriormente», conclúe Xesús Deus Gende.