Xuntos Carballo M+J recolle varias queixas na zona urbana

2 minutes read

O secretario xeral da formación, Xesús Deus Gende, e o responsable de obras, servizos e urbanismo, José Luis Bardanca, desprazáronse ata varias rúas do centro urbano de Carballo para atender diversas queixas veciñais.

A primeira fai referencia á necesidade de delimitar coa correspondente marcaxe das prazas de aparcamento na Avenida das Flores. Nesta zona o estacionamento faise escaso e os veciños/as entenden que se estivesen as prazas pintadas collerían máis vehículos, pois ás veces quedan espazos demasiado amplos entre automóbiles.

Na rúa Vila de Noia pasa unha cousa parecida, polo que tamén sería necesario a delimitación das mesmas, así como o repintado das zonas habilitadas para minusválidos, que apenas se aprecian. Nesta rúa tamén transladan a necesidade de limpeza da herba dos estacionamentos, que está moi alta. Fan fincapé en que debería de retirarse a cinta vermella que rodea os colexios, ante os continuos resbalóns ou caídas.

Reclaman que se coloquen no seu sitio as proteccións de formigón que rodean as árbores, que están depositadas de calquera xeito, podendo danar algunha parte dos coches. Así mesmo faise necesario o arranxo de varios dos pequenos bloques ornamentais que están rotos. Tamén no aparcamento que se utiliza ao final da rúa, que ten unha rampla de baixada para acceder ao mesmo, necesítase urxentemente que se lle tapen as profundas fochancas existentes. A todo isto únese a maleza que incumpre a normativa e empeza a invadir a beirarrúa na mesma zona.

Cedida.

Na rúa Lagoa faise necesaria a retirada de follas da zona de tránsito de persoas e na rúa Pontevedra a renvindicación refírese á falta de mantemento, onde a herba engole as plantas ornamentais e dá unha imaxe nefasta de abandono. Tras o exposto desde Xuntos Carballo M+J piden ao concello que se poña ao choio para solucionar o anteriormente descrito o máis axiña posible.

«Non sabemos se ao concello se lle acabaría o diñeiro, se esperan a ingresar o IBI e demais impostos, se teñen ao concelleiro responsable de vacacións, se xa pensan no nadal ou cal será a causa pola que non se procede a atender os diferentes problemas que a cidadanía transmite. Desde logo pola nosa banda seguiremos acudindo a onde nos chamen, e dando a coñecer todo aquilo que se nos pida», sinala Xesús Deus Gende.