Xuntos Carballo M+J reúnese con comerciantes e hosteleiros da rúa do Sol


O secretario xeral de Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, Xesús Deus Gende, acompañado do responsable de comercio e hostalería Víctor Manuel Fraga Arantón, mantiveron unha toma de contacto con hosteleiros e comerciantes da carballesa rúa do Sol, para escoitar as súas inquietudes e queixas, que son varias: «Unha pasarela de madeira en alta fase de putrefacción, cheiros nauseabundos debaixo da ponte, laxas de lousa en cuxas xuntas crece a herba sen control, o que fai que se escorregue, abundante maleza sen limpar nun solar xunto ás escaleiras de baixada, ou bolsas de plástico que en días de vento cando se leva a cabo a feira dominical voan e van parar ao río.»

A maior das preocupacións refírese a como afectará aos distintos negocios cando se proceda á ampliación da ponte, ou a derriba do edificio que alargará o leito do río, para tratar de evitar inundacións. É aí onde radica a maior das incógnitas pois se se pecha o acceso e derívase por outros roteiros alternativos, moitos dos establecementos pregúntanse como farán fronte ao elevado custo das rendas dos locais, impostos e demais gastos. Por iso piden información concreta de como se levarán a cabo os traballos, se haberá axudas, subvencións, condonación ou diminución de impostos, etc.

«Desde Xuntos Carballo M+J pedimos ao concello que informe debidamente en tempo e forma aos posibles damnificados, ao fin de que estes saiban de certo a que aterse, disipando así as súas dúbidas», sinala Xesús Deus Gende.