Xuntos Carballo M+J visita a protectora animal ‘O Legado de Max’, en Xoane

2 minutes read

Membros da formación municipalista Xuntos Carballo M+J desprazáronse ata a parroquia de Xoane, para coñecer de preto o punto de vista da responsable da protectora O Legado de Max, con todo o relacionado coa lei de protección animal, así como coa actividade solidaria que levan a cabo.

Tanto o secretario xeral, Xesús Deus Gende, como a responsables da área que a agrupación ten para todo o relacionado cos animais, Sergio Gundin Vilanova, e a recentemente incorporada, Brenda Manteiga Blanco, permaneceron moi atentos ás diferentes queixas, reivindicacións e visión da súa interlocutora. Na reunión saíu a relucir o investimento que o concello afirma que realiza cos cans que a día de hoxe permanecen tanto na canceira municipal, como en «O Hotel do Can» que ascenden segundo o consistorio a 140.000 euros anuais, algo que segundo a «experta» sería bastante fóra do normal, teniendo en cuenta a súa ampla experiencia. Igualmente os datos achegados no seu día dos animais recolleitos e dados en adopción no últimos dez anos, presentan bastantes dúbidas. Recollidos 896, entre adopcións e recollida dos seus donos 478, pero descoñécese o destino dos 418 restantes.

O Legado de Max, leva recollidos no últimos tres anos un total de 506 animais, que por lei corresponderíalle recoller ao concello. Pero o peor, segundo o seu relato, é a mala atención que recibe por parte de funcionarios públicos, cada vez que se lles chama para comunicarlles algunha incidencia. Palabras groseiras e saídas de ton indignas de quen realiza unha función pública. Por desgraza non é só unha persoa a que denuncia as doses de «prepotencia» alén do fío telefónico.

«Foi unha reunión tremendamente interesante, que nos fai ver como se incumpre constantemente a lei de benestar animal por parte do concello. As achegas para o noso programa político foron moi positivas, porque non hai mellor maneira de saber as necesidades de cada tema concreto, que falar con especialistas; como esta persoa exemplar que loita cada día por algo en creo profundamente. Sen axudas públicas faise complicado sacar isto adiante e por iso a nosa máxima admiración. Desde Xuntos Carballo M+J estaremos ao seu lado en todo o que humildemente podamos achegar, e polo momento a nosa compañeira e igualmente responsable desta área Brenda Manteiga Blanco, xa exerce como voluntaria», sinala Xesús Deus Gende.