A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue o seu percorrido polas distintas parroquias e barrios carballeses. Nesta ocasión o secretario xeral Xesús Deus Gende, o de organización, José Luis Bardanca, e o responsable de zona, Juan Carlos Rey Pensado, visitaron as parroquias de Aldemunde e Rus.
Segundo os citados, palpando a situación das infraestruturas e da veciñanza as queixas máis frecuentes refírense ás deficiencias nos firmes de distintas pistas, (bixuteira, a férveda…) estradas e a falta de limpeza de maleza. Moitos son os casos que chaman a atención, como o abandono do lugar de Ou Outón, onde a pesar das múltiples protestas veciñais muíños ou lavadoiros antigos seguen en proceso ruinoso sen ningún tipo de actuación. En Calvos parte dos veciños seguen sen conexión de fibra, os contedores de lixo sen ancoraxe algún, a iluminación pública é escasa pois se sacaron bastantes puntos de luz, ou a construción dun camiño por parte do consistorio, onde un dos propietarios se sente molesto por tal actuación sen a correspondente información previa.
No lugar de O Val e Baldomar non existen proteccións nas pontes por onde pasan regatos, o que pode ser perigoso. Na Canosa, onde estaba a antiga librería, nada que chove asolágase a estrada e as leiras pola falta de canalización adecuada e limpeza.
«De novo puidemos observar o grao de abandono que sofren diversos lugares do noso Concello. Cáeseche a alma ao chan cando ves como desaparece o noso patrimonio, sen que ninguén poña remedio. Necesitamos moito máis investimento en parroquias para garantir que as xeracións vindeiras estean orgullosas das súas raíces e mesmo se fixe poboación nelas», sinala Xesús DeusGende.