Xuntos Carballo pecha filas para as próximas eleccións municipais

Xuntos Carballo

  • Este sábado os responsables da agrupación mantiveron unha xuntanza para comunicar as áreas de actuación

A formación Xuntos Carballo por un mundo máis xusto, que presentará a súa candidatura nas vindeiras eleccións locais do ano 2023, reuniuse este sábado para pechar definitivamente a súa lista e nomear aos responsables de cada área. Á xuntanza acudiron os máximos responsables da agrupación tras un consenso, vía telemática, co resto dos membros da formación.

«Somos unha opción política municipalista, centrada en facer dende a humildade que nos caracteriza un Carballo máis xusto, e pretendemos que a cidadanía sexa partícipe na confección do noso programa, porque contamos cun grupo de xente preparada e ilusionada», afirmou Deus Gende. Xuntos Carballo di sae «a gañar» porque o concello precisa «un cambio urxente, uns servidores públicos que escoiten, que se preocupen por todos/as de igual maneira».

Estas son as áreas de actuación definidas e os seus responsables: Xesús Deus Gende (secretario local, voceiro e área social); José Luis Bardanca Rojo, (Urbanismo, obras, servizos e organización); Patricia Rodríguez Cruz (Sanidade e benestar); Nieves Sánchez Calle (Medio rural e medio ambiente); Marco Bardanca Mato (Mocidade, festas e mercados); María del Mar Ordóñez Abelenda (Feminismo e igualdade); Perfecto Méndez Lema (Tráfico, seguridade e mobilidade); Mariluz Cambón Varela (Economía e facenda); Adrián Bardanca Martínez (Deportes); María Jesús Seoane Vázquez (Educación e cultura); Juan Carlos Rey Pensado (Actas) e Mónica Martínez Castro (Comercio , turismo e hostalaría).