- O nexo de unión en Entrecruces, Sofán ou Rus é a falta de limpeza da maleza nas vías e camiños.
O secretario local de Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende, e o responsable de Seguridade, Tráfico e Mobiliade da formación, Perfecto Méndez Lema, achegáronse estes días a diversas parroquias carballesas para dar conta das reclamacións e demandas da veciñanza tendo un nexo en común: a maleza.
Na parroquia de Entrecruces destacan que as vías se atopan cheas de silvas e fieitas ao igual que acontece no lugar do Val, en Rus, onde ademais os veciños solicitan barreiras de protección no regato que transcorre polo lavadoiro. Os membros de Xuntos Carballo tamén se desprazaron ata a parroquia de Sofán, onde «o tránsito normal estase volvendo toda unha odisea», solicitando ademais a retirada de pólas dun carballo que «imposibilita en certa maneira o paso».
«Dende Xuntos Carballo M+J pedimos que o Concello actúe reforzando o servizo de desbroce se é preciso para chegar a todas as parroquias con brevidade, tendo en conta o alto risco de lumes que existe actualmente», sinala Xesús Deus Gende, agregando que os traballos de limpeza tiñan que facerse con máis antelación.