- A agrupación mantivo unha xuntanza con varios veciños para denunciar a falta de beirarrúas e pedir unha mellora no subministro de auga
O secretario local da formación Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, acompañado polo responsable de Seguridade, Tráfico e Mobilidade, Perfecto Méndez Lema, desprazouse estes días ata a rúa Xazmíns, na zona da Cristina, para recadar novas queixas veciñais relativas fundamentalmente á falta de beirarrúas en ambas marxes da vía así como da necesidade de mellorar a subministración de auga.
No primeiro caso, Xuntos Carballo considera que existe un problema de seguridade na rúa, que tamén presenta varias fochancas, poñendo en risco tanto a peóns como a vehículos. Ademais, na zona estacionan autobuses do transporte escolar que impiden o correcto paso dos viandantes. A formación destaca que xa se dera parte deste problema ao Concello, pero polo de agora non se tomaron as medidas oportunas.
No relativo á mellora da subministración da auga, varios veciños síntense inseguros xa que afirman que a tubaxe que proporciona o servizo é de fibrocemento, podendo conter algún compoñente daniño para a saúde como pode ser o amianto.