Xuntos Carballo pide ao Concello que arranxe o acceso a tres vivendas na Avenida de Bértoa

1 minutes read
  • As veciñas afectadas destacan que teñen problemas para entrar e saír cos coches, producíndose danos nos mesmos

A formación municipalista Xuntos Carballos volve a saír á rúa para dar conta de novas queixas veciñais. Neste caso, o secretario local da agrupación, Xesús Deus Gende, mantivo unha reunión co representante da parroquia de Bértoa, José Manuel Ramos Puente, e con tres veciñas da Avenida de Bértoa con motivo dun acceso ás súas vivendas.

No seu día, desde o Concello creouse na zona unha beirarrúa, peonil e para bicicletas, cunhas ramplas de acceso «demasiado empinadas e estreitas», sinalan as afectadas, o que «dificulta a saída e entrada dos vehículos, batendo coas defensas e cos baixos no chan e provocando danos nos mesmos». Ademais, nunha das vivendas teñen o problema engadido de ter unha persoa con problemas de mobilidade, polo que o vehículo sanitario tamén ten dificultades para acceder pola rampla.

Por este motivo, desde Xuntos Carballos solicitan ao Concello que dea unha solución xa que os veciños están cansos de «transmitir [o problema] aos responsables sen recibir nunca unha resposta».