Xuntos Carballo pide apoio para o colectivo de vendedores ambulantes

1 minutes read

A formación «Xuntos Carballo» levara ao próximo pleno unha moción para apoiar ao colectivo de comerciantes dedicados á venta ambulante, que en Galicia supera as 20.000 persoas, ao englobar a todos aqueles que fan venta nas festas, feiras e mercados de toda a comunidade.

Para Xuntos Carballo estas actividades son un foco de atracción para moitos veciños e mesmo para o turismo, que dinamiza a economía local.

Por este motivo, desde o grupo político reclaman que se regulen estas actividades, ao igual que se fai nas cidades máis importantes europeas, «para que os comerciantes obteñan o prestixio e respecto debido».

A normativa local con respecto á venta ambulante é diferente en cada Concello, «e incluso hai algúns que nin sequera contan con ordenanzas aprobadas neste ámbito» sinala o voceiro de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende.

Así, na moción que presentarán para o próximo debate instarán á Xunta de Galicia á elaboración dunha normativa marco, común a todos os Concellos, que regule a venta ambulante, implicando de xeito directo ao sector afectado na súa redacción. Ademais tamén lle pedirán ao Concello de Carballo que nas campañas comerciais de impulso do
comercio local se inclúa a venta ambulante, e que as institucións competentes recoñezan como enfermidades profesionais do sector determinadas doenzas que lles afectan especificamente a estes traballadores por este tipo de actividade, como poden ser a artrose ou enfermidades das costas.