A formación ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ emitiu un comunicado asinado polo seu representante, Xesús Deus Gende, no que comparte a necesidade de incorporar máis axentes de seguridade local como os que se acaban de facer efectivos recentemente na Policía Local de Carballo, co que o cadro de persoal actual xa alcanza a trintena (aparte dos axentes das forzas de seguridade do estado presentes no termo municipal).
Pero Deus Gende móstrase bastante crítico co resultado final da operatividade dos recursos dispoñibles para a seguridade da vila, sen ánimo de buscar culpables pero si de traballar codo con codo para buscar solucións, algo que desde o seu punto de vista non se está a facer. «O Concello por unha parte, e se non chega, tirar da Policía Nacional ou da Garda Civil, e non precisamente de postos administrativos, senon de axentes preparados para atallar a delincuencia a todos os niveis», sentencia o voceiro de Xuntos Carballo.
Non é normal que día tras día nos sorprenda un titular focalizando Carballo e arredores como un «mal lugar para vivir».
- Sabotean varios buses na estación.
- Rouban o cobre da senda peatonal.
- Deteñen a unha parella que se deu á fuga a 160 Km/hora.
- Unha detida fúgase do centro médico.
Exceso de traballo, falta de medios… Que está a pasar?
«Cando pasas polas comisarías policiais pódese ver unha morea de coches patrulla, que entendemos que serán para prestar servizo e non para estar parados, collendo po, producindo gastos ou facendo publicidade das marcas. Se temos efectivos policiais dabondo, e un parque de vehículos máis que aceptable, non entendemos como pode ser que haxa tan alto índice de delincuencia como o que está habendo nas derradeiras datas», afirma Deus Gende, que entende que a Policía Local está sobrecargada de atribucións. «A culpa non é dos axentes; atenden accidentes, identificación de animais, delincuencia, drogas, tráfico, violencia de xénero, seguridade cidadá, accesos aos colexios, etc.».
Desde a formación destacan que «a seguridade das persoas locais e do mobiliario urbano debe de ser unha das accións prioritarias dos axentes, e non só mirar quen se pasa cinco minutos na zona azul, ou agocharse nun vehículo para poñer multas». Xuntos Carballo cre que se deberían de aumentar as rondas en coche e a pé, tanto en horario diurno coma nocturno, tendo en conta que haxa persoal dabondo. No caso contrario, é preciso contratalo para «cubrir as zonas máis sensibles, o que sen dúbida dificultará os actos delictivos, así como tamén será unha función de disuasión».
Tras o exposto, dende ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ consideran que deberían de tomarse medidas urxentes para mellorar o servizo que a día de hoxe non está sendo todo o bo que debería. «Serán polo tanto os responsables desta área de goberno e os mandos os que teñan que axustar horarios, quendas e rondas que permitan prestar un servizo de calidade, que non dubidamos de que os profesionais deste sector realizarán con éxito», concluíu o voceiro Xesús Deus, quen exerceu durante máis de dez anos como vixiante e como xefe de equipo na seguridade privada.