- A formación tamén recolleu queixas de varios comerciantes da rúa Vázquez de Parga pola desaparición das zonas de carga e descarga
‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ solicita ao goberno local que informe aos condutores das vías alternativas existentes para poder desprazarse pola vila tendo en conta as diferentes obras «cheas de polémica» que se levaron a cabo na rede viaria e «sen consultar para nada coa veciñanza ou cos/cas comerciantes». Intervencións referentes, sobre todo, á redución de carrís ou á eliminación do dobre sentido en certas rúas así como de zonas de carga e descarga.
Un exemplo significativo, destacan desde a formación, é o acceso ao pobo desde a Avenida de Bértoa para continuar pola rúa Vázquez de Parga. «Coa desaparición dun carril que daba fluidez, fai que cruzar Carballo sexa unha tarefa non apta para usuarios carentes de altas doses de paciencia», explican desde Xuntos Carballo, o que orixina que os vehículos estean máis tempo parados e envíen gases nocivos ao aire. Por este motivo, o grupo tamén pide ao Concello medicións periódicas da calidade do aire por se é necesario tomar medidas.
- Eliminación de zonas de carga e descarga
Por outra banda, Xuntos Carballo recolleu queixas de varios comerciantes da rúa Vázquez de Parga debido á desaparición de zonas de carga e descarga. Esta situación imposibilita aos proveedores aparcar correctamente, polo que se ven obrigados a facelo en plena vía «causando atascos monumentais e queixas constantes». Algúns afectados destacan que xa comunicaron ao Concello este problema pero que non recibiron solución.