- Os veciños demandan a limpeza do antigo campo de fútbol, a creación dunha área de xogos e a revisión de certos postes da luz
A agrupación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis xusto reclama ao goberno local que atenda ás demandas da veciñanza do lugar da Alta, na parroquia de Entrecruces. O seu voceiro, Xesús Deus Gende, destacou que son necesarias melloras «urxentes» que, por outra banda, xa foran solicitadas ao Concello sen obter resposta algunha.
Xuntos Carballo rexistrou un total de catro peticións, sendo unha delas a retirada da maleza no que antigamente fora un campo de fútbol. Varios veciños aseguraron á formación que solicitaran a limpeza do lugar aos operarios encargados de adecentar as cunetas, pero estes sinalaron que non tiñan «orde de facelo». Tamén piden que se cre unha zona de xogos infantís e ocio para público adulto pero, de novo, a petición cidadá foi desestimada porque no lugar «non había nenos». Algo, destaca a veciñanza, que tamén se dá na parroquia veciña onde si que contan con este tipo de distraccións.
A segunda queixa fai referencia á falta de visibilidade en certos cruzamentos como o do Cótaro onde «os balados de mirtos (tal vez fóra da legalidade en canto á separación correspondente da vía pública) moi achegados a estrada imposibilitan a visión». A terceira demanda atinxe á reposición da actual marquesiña xa que non resgarda correctamente da chuvia debido ao seu deterioro polo paso de tempo mentres que a cuarta solicitude está relacionada co alumeado público, xa que semella que «enfoca máis cara algunhas casas que para onde debería facelo».