Xuntos Carballo pide o arranxo de dous lavadoiros na Alta de Entrecruces

Xuntos Carballo

  • Atópanse nos lugares de Meixonfrío e Vilachán

O secretario local e voceiro de Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende, xunto co responsable de Obras e Servizos, José Luis Bardanca, achegouse ata Alta de Entrecruces para dar conta de varias queixas veciñais relativas á falta de acondicionamento de dous lavadoiros situados en Meixonfrío e Vilachán. Demandas que xa foran transmitidas á Administración local pero que «non tiveron resposta algunha», explica.

Ademais, a formación municipalista volveu a facer fincapé no «mal remate» das obras de melloras levadas a cabo polo goberno local no lugar de A Baixa, tamén na parroquia de Entrecruces. Intervencións que deixaron un lavadoiro «de adorno porque según está construído coidamos que ninguén lle chega abaixo» así como unha antiga fonte soterrada que «se a algunha persoa lle dá a sede vai ter que poñerse de xeonllos se quere mollar a boca».