Xuntos Carballo pide que «se deixe de politizar» co centro de saúde

Centro de salud_Xuntos Carballo

  • Os membros da agrupación solicitan «consenso» entre as administracións para chegar a un ben común

A formación local ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ sinala que está asistindo «a un enfrontamento entre administracións no relativo ao centro de saúde da vila que «para nada beneficia á veciñanza».

Nas últimas semanas a Xunta solicitaba ao Concello de Carballo colaboración para a posta en marcha do centro integral de saúde que require incrementar a edificabilidade da actual parcela en 1820 metros cadrados. Sen embargo, desde o goberno local entenden que a mellor opción é construír un segundo centro de saúde que axude a ‘desconxestionar’ o actual.

A recollida de firmas, as peticións de soporte nos plenos ou a idea de crear unhas instalacións entre un centro de saúde e un hospital son algunhas das accións postas en marcha polas diferentes administracións que desde Xuntos Carballo consideran «excusas para ir collendo apoios dun lado ou de outro cara vindeiras citas electorais».

A entidade local considera que no Parlamento galego debería de proxectarse a creación dun hospital comarcal que remate cos problemas de saturación e lista de agarda do Hospital Universitario da Coruña, e piden que «se deixe de politizar» coa sanidade.