A formación municipalista Xuntos Carballo, recibirá este martes 28 de marzo a visita de dous dos máximos responsables a nivel nacional do partido Por un Mundo Máis Xusto, co que a agrupación carballesa mantén unha alianza desde hai anos.
Álex Plans, Voceiro Xeral e Jesús Barcina, Voceiro de Implantación Territorial, viaxarán desde Madrid e Bilbao respectivamente e estarán uns días na localidade para coñecer de primeira man a problemática actual que padece a cidadanía, de boca dos/as integrantes da candidatura que se presentará aos próximos comicios municipais. Concretamente o martes 28 de marzo ás 12.00 presentarán o lema, música e foto principal para as próximas eleccións municipais. O acto terá lugar na sede da formación na rúa Desiderio Varela nº 20 1.º.
Xesús Deus, candidato á alcaldía de Carballo explica que «é moi importante recibir a visita de persoas con ampla experiencia en todo o relacionado coa situación actual que se vive no noso país, que nos achegan sabedoría, apoio legal, administrativo, xurídico e económico”.
Xuntos Carballo leva case catro anos dando a coñecer innumerables queixas veciñais, percorrendo as dezaoito parroquias e a totalidade dos barrios carballeses. “Imos pola segunda visita a todas as asociacións de distinta índole presentes no noso concello e estivemos presentes en multitude de reivindicacións sociais (servizo de axuda non fogar, Aspaber, Consorcio Galego, etc.). Somos unha forza nada en Carballo para dar voz e loitar por toda a cidadanía independentemente de onde resida. Saímos a gañar porque temos todo o necesario para conseguilo: ánimo, forza, unión, equipo, apoio e sobre todo humildade. Estamos centrados en Carballo», conclúe Xesús Deus Gende.