Xuntos Carballo presenta unha recollida de firmas para o arranxo das rúas Xazmíns e Tomiño

1 minutes read
  • Os veciños demandan desde hai meses a mellora do firme e a creación de beirarrúas

Xuntos Carballo por un mundo máis xusto presentou un rexistro de firmas no Concello solicitando o arranxo e acondicionamento inmediato das rúas Xazmíns e Tomiño, que inclúen a mellora do firme así como a creación de beirarrúas e a instalación de tubaxes.

Un rexistro que se formaliza despois de que o goberno local non proporcionase unha solución ás demandas dos veciños do lugar, segundo sinalan desde a formación municipalista, a pesar de comunicar á Administración local esta situación xa no mes de decembro do pasado ano.

Desde Xuntos Carballo agardan que o Concello «se poña mans a obra para atender no menor tempo posible as demandas veciñais, rematando así co esquecemento que sofre esta zona do núcleo urbano», afirmou o seu voceiro, Xesús Deus Gende.