- A súa proposta estrela é aplicar transparencia en tempo real á contabilidade do Concello
A formación municipalista Xuntos Carballo aliouse co partido Por Un Mundo Máis Xusto (M+ J) para presentarse ás próximas eleccións. M+ J apoiará á agrupación galega a nivel económico e técnico para poder facer realidade a súa proposta estrela: aplicar transparencia en tempo real á contabilidade do Concello de Carballo. «Transparencia e eficacia na xestión serán o primeiro beneficio que recibirán os veciños e veciñas cando apliquemos no Concello o mesmo que xa aplicamos no noso partido», sinalou Gende, recoñecido activista social e político carballés.
«Chegamos a un acordo de cooperación e investimento no proxecto municipalista para Carballo que denominamos ‘Xuntos Carballo Por Un Mundo Máis Xusto’, co obxectivo prioritario de mellorar a situación actual, empezando pola transparencia e a eficacia na xestión», sentenza Xesús Deus, adiantando que con este apoio iníciase unha nova etapa en Xuntos Carballo, que ademais conta con xente moi preparada no seu equipo que non veñen vivir « da política».
Xuntos Carballo Por Un Mundo Máis Xusto mantivo unha actividade social e política os dous últimos anos atendendo numerosas queixas veciñais e abordando temas relacionados coa prevención de incendios; a venda ambulante; o estado do pavimento en zonas urbanas e rurais; a solicitude, durante o pasado mes de xaneiro, de test xeneralizados para a detección da Covid-19; as demoras de axudas sociais a comerciantes e o ingreso mínimo vital; ou o «incomprensible» plan urbanístico especial de Pedra do Sal que «parece ir encamiñado a legalizar construcións que hoxe son ilegais».
O partido M+ J, propulsor dos movementos sociais internacionais SickOfWaiting.org e NoMorePandemics.org, leva 17 anos traballando pola construción dun mundo máis xusto baixa o lema ‘O fin da pobreza no mundo é unha decisión política’. A innovación e modernidade na xestión local é a achega que ofrece a iniciativas municipalistas como Xuntos Carballo.