Xuntos Carballo reclama un servizo de sumidoiros na parroquia de Oza

1 minutes read
Oza Vella, Carballo_GOOGLE MAPS
  • A formación tamén solicita que se constrúan beirarúas en distintos puntos da zona

Representantes da formación local ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’ achegáronse ata a parroquia de Oza para dar conta de varias queixas da veciñanza no relativo á falta de sumidoiros e beirarúas en diferentes puntos da zona.

Un dos lugares máis afectados é o de Oza Vella e todo o camiño en dirección á igrexa. Segundo indican desde a agrupación municipalista, os veciños desta parroquia síntense discriminados xa que sempre se acondicionan outras zonas do concello. «É un feito que todo o que fai este goberno faino no centro, e de nos ninguén se lembra», sinala un dos veciños, quen ademais afirma que «cando veñen as eleccións saben ben das casas para traer os votos».

Por outra banda, a falta de beirarúas fai «moi perigoso o tránsito de persoas e tamén de nenos que camiñan pola estrada para coller o bus do colexio», sinalan desde Xuntos Carballo, polo que instan ao Concello a que «se poña mans á obra».