Xuntos Carballo recolle as demandas dos funcionarios de A Alternativa

O secretario xeral de Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende_Cedida

  • A asociación pide estar presente na Mesa Xeral de Negociación ao contar cun 30% de representación

O voceiro de Xuntos Carballo M+J, Xesús Deus Gende, mantivo unha xuntanza co seu homólogo na asociación de funcionarios A Alternativa de Carballo, Vítor Recarei Añón, para coñecer as inquedanzas e problemas que «sofren os traballadores/as que pertencen a esta opción sindical», afirma Gende. Reivindicacións que xa foran expostas á Valedora do Pobo recentemente, quen considerou que «se axustaban a dereito e polo tanto tiñan que ser non só tidas en conta por parte do goberno local, senón que eran de obrigado cumprimento».

A principal demanda de A Alternativa é a de estar presentes na Mesa Xeral de Negociación, onde se toman as principais decisións relacionadas co persoal do consistorio. A entidade volveu lembrar que «teñen o dereito de asistir dado que contan con un 30% de representación» e que a pesar de pedirlle ao Concello por escrito poder asistir a esas xuntanzas, seguen sen recibir unha resposta formal.

Dende Xuntos Carballo consideran que a situación actual que vive esta parte do funcionariado é «unha vulneración do seu dereito á participación» e sinalan que tampouco lles sorprende a falta de comunicación co Executivo local dado que «a transparencia non é precisamente o forte deste goberno».