O secretario local e voceiro da agrupación municipalista Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende,e o responsábel de obras, José Luis Bardanca, achegáronse ata a parroquia carballesa de Berdillo para recoller de primeira man catro reclamacións e constatar así a veracidade das mesmas.
A primeira refírese a darlle unha solución definitiva á problemática que existe en referencia ás pistas polideportivas e que se demora no tempo.
A segunda, refírese á alta velocidade a que pasan os vehículos no tramo que vai dende O Moucho ata O Alto, polo que solicitan que se proceda a colocar dispositivos de reducción de velocidade, como existen noutros tramos de estrada da mesma zona, e de ser posible desexarían un paso de peóns elevado para poder cruzar con garantías en canto a integridade física das persoas.
A terceira trátase da colocación de sinalización nos diferentes lugares que compoñen a parroquia co nome dos mesmos, pois crea confusión a panadeiros, carteiros, distribuidores ou incluso ambulancias.
A cuarta e unha das máis importantes refírese á colocación dunha nova marquesiña no lugar de Vilarnovo, que dea acubillo a os nenos/as ata a chegada do autobús escolar. Preto do inicio do novo curso escolar urxe unha solución.
Ao parecer todas estas reinvindicacións foron trasladadas fai tempo aos responsables locais, sen que a día de hoxe tiveran ningunha clase de resposta, afirma Xuntos Carballo.
«Pedimos no nome da veciñanza que o Concello proceda coa maior brevidade posible a rematar con estes problemas que están causando un malestar que vai medrando cada día máis entre os habitantes da parroquia, diante do que xa é un evidente caso de deixamento», conclúen.