O secretario local da agrupación municipalista Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende, e o responsable de obras, José Luis Bardanca, veñen de recoller numerosas queixas de veciños e veciñas en referencia ás obras que se están desenvolvendo na contorna do colexio Bergantiños, máis concretamente na rúa Eduardo Pondal.
«Se ben e certo segundo nos transmiten que a elevación de pasos de peóns, sinalización e acondicionamento son ben recibidos, o que desespera a veciñanza é a anulación dun dos carrís, o que deixa tan só unha vía de sentido único».
A veciñanza considera que «traerá atascos de tráfico, dificultará o poder estacionar puntualmente para baixar e recoller os nenos que acuden ao colexio Bergantiños, repercutirá nos aparcamentos polo que pode traer consigo que os posibles clientes dos diferentes negocios aí existentes teñan que estacionar máis lonxe e polo tanto opten por acudir a outros establecementos».
Ante todas estas problemáticas os/as residentes da zona piden a goberno municipal que reconsidere o proxecto e deixe o carril tal e como estaba antes da actuación que se está levando a cabo, pois consideran que ata o de agora o tráfico rodado era perfectamente fluído.