- Estes vehículos non contan cunha área propia onde aparcar e poder despregar cadeiras ou mesas dentro da legalidade
Xuntos Carballo por un mundo máis xusto pide ao Concello que habilite unha área pública de estacionamento de autocaravanas na contorna da praia de Razo xa que este tipo de vehículos carecen dunha zona concreta onde poder aparcar «non sendo as habituais habilitadas para toda clase de automóviles». A lei permite que as autocaravanas poidan estacionar nun lugar durante un período de tempo limitado, pero non así despregar mesas, cadeiras ou elementos para tender a roupa.
Ao non dispoñer deste servizo, durante o 2021 estes visitantes optaron por estacionar os seus vehículos no Monte Peados, o que provocou as queixas «xustificadas» da veciñanza tras a acumulación de lixo de distintas clases deixando «fortes cheiros que non facían nada agradable o tránsito polo lugar», afirman desde a agrupación local, polo que agardan que esta situación non se repita durante os próximos meses.