Xuntos Carballo visita a parroquia de Sísamo para dar conta de varias queixas veciñais

Xuntos Carballo en Sísamo

O voceiro de ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’, Xesús Deus Gende, acompañado polo responsable de Seguridade e Tráfico da formación, Perfecto Méndez, achegouse estes días a algúns lugares da parroquia carballesa de Sísamo tras ser contactados por varios veciños. O motivo deste chamamento foi transmitirlles queixas e reivindiacións que nunca chegan a ser atendidas polo goberno local a pesar de ser solicitadas máis dunha vez.

As primeiras protestas refírense a un tramo non asfaltado da vía que enlaza a rúa Rodríguez Sesmeros con Cándido González Tirad (recentemente acondicionada polo Concello), o que dificulta a correcta circulación de vehículos.

A segunda queixa levou aos membros de Xuntos Carballo ata unha pista «chea de fochancas e barro» que une o lugar da Raíña coa estrada de Figueroa. Segundo sinalan desde a formación, o goberno local non contempla o arranxo deste camiño ao considerar que non é moi usado, sen embargo, isto non se corresponde coa realidade segundo varios veciños porque «bastante xente emprega este atallo». Por outra banda, tamén destacan que hai varios tramos sen limpar e que un deles presenta «unha especie de canal que atravesa a pista, o que ocasiona que os vehículos corran risco de danarse a pasar por esa zona». Por último, tamén reclaman que se oriente ben o alumeado público que comeza na vía xa que enfoca a casas privadas.

Outras das reclamacións proveñen de Ramil, na mesma parroquia. Algúns veciños piden que se dote de fibra ao lugar pois «foron moitas as veces que se lles garantiu que chegaría, e diso hai xa tres anos». Tamén solicitan ao Concello que reconsidere a ubicación do transformador da corrente que se atopa no medio dunha área de ocio e xogos así como a posibilidade de levar auga da traída á zona.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha