XXX aniversario do transporte sanitario aéreo galego

1 minutes read
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado polo director do 061, José Flores Arias, e polo subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias, José Antonio Grandas, entrega, con motivo do 30 aniversario da posta en marcha do transporte sanitario urxente aéreo de Galicia, unha placa aos xefes das bases medicalizadas de Santiago e Ourense.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuniña, acompañado do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Jose Flores Arias, conmemoraron en Santiago de Compostela o inicio da prestación do servizo de transporte sanitario urxente aéreo galego, No acto, ao que tamén asistiu o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Consellería de Presidencia, José Antonio Grandas, realizouse a entrega dunha placa honorífica aos xefes das bases medicalizadas aéreas do 061 de Galicia con base nos concellos de Santiago de Compostela e Ourense.

O titular da carteira sanitaria galega subliñou a importancia do servizo de transporte sanitario urxente en Galicia, que comezou no ano 1990 coa posta en marcha de dúas aeronaves medicalizadas con base en Santiago de Compostela e Monforte de Lemos -trasladada dous anos despois a Ourense-, pola mellora nos tempos de prestación de asistencia sanitaria urxente no ámbito extrahospitalario, e que están operativas desde o orto ata o ocaso todos os días do ano.

Actualmente, o tempo medio de asistencia dos helicópteros medicalizados do 061, é dicir, o tempo que transcorre desde que a aeronave despega ata que comeza a prestar asistencia sanitaria, sitúase en preto dos 17 minutos para calquera punto da xeografía galega no que sexa necesaria a atención ás urxencias e ás emerxencias.

O servizo de transporte sanitario urxente aéreo galego comezou dependendo organicamente de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata que, no ano 2014, pasou a depender da Consellería de Sanidade.