Yolanda Díaz destaca en Santiago de Compostela o seu compromiso con Galicia


O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez, manifestou o seu agradecemento polo encontro no que se abordaron diferentes temas importantes para Galicia, particularmente en materia laboral. Díaz e Feijóo mostraron o seu interese por traballar para que Galicia saia fortalecida na recuperación da crise tras a pandemia.

Compromiso con Galicia

«Sei ben a quen represento e en todas as competencias e funcións sempre está Galicia» lembrou Yolanda Díaz que tamén subliñou a súa vocación de ser unha «aliada» en defensa do tecido produtivo e das persoas traballadoras de Galicia xa que, tal e como asegurou a vicepresidenta segunda: «Sen industria non imos ter futuro nin traballos de calidade».

Tamén destacou o papel dos ERTE na comunidade durante a pandemia que protexeron a máis de 200.000 persoas que percibiron nóminas por un importe que supera os 638 millóns de euros, e avogou pola continuidade deste mecanismo que permitiu que Galicia recuperase o emprego previo á crise da pandemia.

A vicepresidenta segunda do Goberno mostrou a súa satisfacción polo acordo alcanzado coas organizacións sindicais para subir o Salario Mínimo Interprofesional que definiu como «a mellor ferramenta para combater a pobreza laboral». Este acordo permitirá «mellorar a vida de ao redor de 80.000 persoas traballadoras en Galicia» e a preto de millón e medio en todo o Estado. «Estamos a demostrar como país que se poden cambiar as políticas e mellorar a vida das persoas traballadoras», sentenciou Díaz.