Zas | A Xunta remata a parcelaria de Santa María de Baio

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Zas Manuel Muíño, na entrega de algo máis de 800 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Baio, no concello de Zas, aos 491 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento de máis de un millón de euros.

Esta parcelaria reorganizou unha superficie de 223 hectáreas, a cal permitiu duplicar a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 1.647 predios iniciais a 808 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a pastos (108 hectáreas) e labradío (83 hectáreas), polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.

José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de  recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.