Por sexto ano, o Concello de Zas a través do seu departamento de Cultura organiza a Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” na que se repartirán 3.500€ en premios co fin, por unha parte, de fomentar as artes escénicas afeccionadas e, por outra, o teatro feito en Galicia e en galego.
As inscricións para participar nesta sexta edición do certame están abertas ata o próximo 28 de marzo. As bases do certame, a documentación requerida e as fichas de inscrición poden descargarse no Tablón de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas.
Na VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose poden participar todas aquelas compañías e/ou grupos de teatro afeccionado galegas. Un xurado formado por membros do Concello de Zas e do grupo de teatro Badius será o encargado de elixir as cinco obras finalistas que se representarán os días 15, 22 e 29 de abril e 6 e 13 de maio. Os lugares de representación serán o Auditorio Municipal de Zas e o Auditorio Municipal de Baio e o 21 de maio terá lugar o acto de entrega de premios.