O Concello de Zas informa da apertura do prazo de inscrición para a oitava edición da Universidade Sénior da Coruña na Costa da Morte, un programa universitario dirixido a persoas maiores de 50 anos que se desenvolverá ao longo do ano 2026 no municipio.
Zas foi ademais o primeiro concello no que se iniciou o proceso de descentralización da Universidade Sénior, un programa que inicialmente só se impartía nas cidades da Coruña e Ferrol, converténdose así nun referente na extensión desta iniciativa ao ámbito rural e a outros territorios da provincia.
As sesións terán lugar durante os meses de febreiro e marzo no Centro Sociocultural de Baio, e serán impartidas por profesorado da Universidade da Coruña (UDC). O programa estrutúrase en tres grandes módulos: Humanidades e Ciencias Sociais, Ciencias da Terra e Tecnoloxía e Ciencias da Vida e da Saúde, ofrecendo unha formación variada e adaptada aos intereses do alumnado.
O prazo de inscrición, totalmente gratuíto, permanecerá aberto ata o 5 de febreiro. As clases desenvolveranse en horario de 17:00 a 19:00 horas, dous días á semana. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición de maneira online a través da páxina web https://universidadesenior.org/costa-da-morte/ ou de forma presencial a través dos Axentes de Desenvolvemento Local dos concellos participantes.
A Universidade Sénior consolidouse nos últimos anos como un programa de gran éxito no Concello de Zas, contando non só coa participación da veciñanza do municipio, senón tamén de persoas procedentes doutros concellos da contorna. Na pasada edición rexistráronse máis de 60 persoas inscritas, unhas cifras de participación moi elevadas tendo en conta o tamaño e a poboación do concello, e mesmo superiores ás doutros municipios da comarca e doutros con maior número de habitantes.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia desta iniciativa sinalando que “a Universidade Sénior é un exemplo de como o acceso ao coñecemento non entende de idades e de como desde Zas somos quen de ofrecer programas de calidade que atraen participación máis alá do noso propio concello”. O rexedor engadiu que “estes datos de inscrición e asistencia amosan o interese da cidadanía por seguir aprendendo e compartindo experiencias, e supoñen tamén un orgullo para Zas pola súa capacidade de dinamización social e cultural”.